A soberbia de Feijóo centra o debate no Parlamento

A oposición pregunta polas políticas de igualdade, a falta de investimento e a “opacidade” da Xunta

Xornada de tensión no Parlamento galego. No Pleno celebrado este mércores, os tres grupos da oposición tiveron a oportunidade de formular as súas cuestións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen caracterizou as súas intervencións polo seu ton irónico e soberbio co que eludiu responder con claridade ás preguntas expostas no Hemiciclo.

A voceira do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, comezou a súa intervención lamentando a condena do cantante catalán Valtonyc e o “secuestro” da novela Fariña, que abrangue os anos de auxe do narcotráfico en Galicia. Asemade, preguntou a Feijóo se o Goberno galego apoiará ou non a folga feminista do 8 de marzo, ao que o presidente galego contestou cunhas cifras acerca das súas políticas de igualdade que Pontón considerou “insuficientes” e “pouco veraces”. Antes diso, o presidente da Xunta acusara á líder do BNG de “non representar ás mulleres galegas”.

Núñez Feijóo comezou cada quenda de resposta descalificando aos partidos da oposición

A segunda quenda foi para o líder do grupo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen manifestou a súa “preocupación” polos “baixos niveis de investimento” dun Goberno que, asegura, “está causando moitos problemas a Galicia”. Núñez Feijóo respondeu ao voceiro do PSdeG que a súa executiva mantén un “estreito diálogo” co Ministerio de Fomento, algo que Leiceaga puxo en dúbida. O presidente galego comezou a súa réplica atacando directamente ao Partido Socialista e o seu líder: “Síntome tranquilo porque a súa figura no PSOE está no máximo esplendor”, expresou.

Duras críticas de En Marea

Luís Villares, voceiro de En Marea, acusou a Núñez Feijóo de pretender “ocultar a súa ineficacia” a través de “campañas de propaganda pagadas con cartos públicos”, e lembrou o “apagón informativo” da TVG durante a vaga de lumes do pasado ano. Para Villares, o presidente galego baseou a súa estratexia na “opacidade” e a “creación dun inimigo” cando achacou os actos a unha “trama incendiaria”. A cara máis visíbel do PP adicou tamén unhas verbas agraviantes ao voceiro de En Marea, respondendo ás súas acusacións de “realizar campañas propagandísticas” dende a Xunta. “Se quere saber de propaganda e ineficiencia, pase por esas asembleas de Podemos ás que normalmente non é convidado”, asegurou, provocando a inminente reacción de Villares, que pediu “respecto” e “respostas claras” acerca das cuestións formuladas.

O deputado da coalición de esquerdas aproveitou para defender ás traballadoras e traballadores da Xustiza polos seus “precarios” soldos, ao tempo que criticou que o presidente galego incrementase o seu salario e o da súa executiva nun 7%. “Para o pobo, sacrificios; para o Goberno, beneficios”, salientou Villares.

- Publicidade -