Home Programas Espazo Aberto “Só pensamos no rural para proxectos agrogandeiros, e iso é moi limitador”

“Só pensamos no rural para proxectos agrogandeiros, e iso é moi limitador”

0
“Só pensamos no rural para proxectos agrogandeiros, e iso é moi limitador”
Imaxe: FicRural.

Kevin Weatherill é o líder de Immaculate Fools, banda británica creada nos 80 que parou a súa actividade en 1997. Desde hai tres anos, Kevin vive nunha aldea de Cambados, onde di que ademais de ter “varios porcos e un ‘ponny'”, segue tocando e cantando, aínda que recoñece que ao principio, resultáballe raro non ter veciños aos que molestar e con retranca se queixa de “non facer o suficiente ruído para ser músico”. O sábado 28, Immaculate Fools, con varios músicos galegos, dará un concerto no FicRural.

Alba Sotelo tamén crea desde o rural e ensina aos máis pequenos como aproveitar o radio e audiovisual para contar a súa vida. Como di Aser Álvarez, director do FicRural, o futuro do rural pasa polos “creadores e contidos e innovadores”, para desbotar esa falsa idea de que nas aldeas só poden funcionar “os proxectos agro-gandeiros.”

Aser Álvarez: “O FicRural é unha feira contemporánea onde a xente se reúne e intercambia coñecementos”

Diso vai o FicRural: un foro que serve de intercambio de experiencias entre iniciativas rurais, no marco da emerxencia climática. Contábannos na súa presentación que un dos obxectivos é aproveitar as características de Compostela para atopar propostas comúns para reverter o cambio climático.

Aser Álvarez defíneo tamén como unha “feira contemporánea onde, como se facía nas feiras, a xente se reúna e intercambie coñecementos.” Durante a semana de programación, que remata o domingo 29, podemos atopar encontros de mulleres, debates políticos sobre o futuro do rural ou proxeccións audiovisuais para crianzas.

Tamén muralismo con Yoseba MP ou o V Festival Internacional de Cine Rural de Galicia, cuxas películas finalistas foron proxectadas nos centros sociais do rural compostelán. Podes ler aquí o programa completo.