Por vez primeira, un galego é nomeado vice-presidente da Unión Xeográfica Internacional. Trátase do xeógrafo da USC Rubén Lois, un home entregado á ciencia cartográfica. Basta con botar unha pequena ollada ao seu despacho para decatarse do seu afán por viaxar e “coñecer mundo”.
O xeógrafo Rubén Lois, decidido a “situar Galicia no mapamundi”
Rubén Lois posúe decenas de mapas de países coma Uzbekistán, Xeorxia ou Palestina, mais hai un que aprecia en especial e tentará situar no centro do debate internacional: o de Galicia.
Tentarei visibilizar o traballo que facemos dende a península Ibérica en xeral e Galicia en particular
A Unión Xeográfica Internacional, tal e como indica Lois, é unha entidade de gran prestixio en todo o mundo con relacións con organismos como a ONU. Os seus principais obxectivos son “dar voz” ás “sensibilidades” do sur de Europa e establecer un maior contacto entre o vello continente e América Latina. Sen dúbida, esta é unha “gran oportunidade” para culminar a súa carreira.
Este novo posto, que Rubén Lois recibe con “ilusión” e “moito orgullo”, súmase aos de vogal primeiro da Asociación de Xeógrafos Españois e director do departamento de Xeografía do Grupo ANTE. A súa estrea oficial no organismo internacional producirase o vindeiro mes de agosto, nun congreso que se celebrará na cidade canadense de Quebec.