Novo conflito sobre a mesa do conselleiro de Sanidade. As e os médicos de diferentes PAC —Punto de Atención Continuada— de Galicia denuncian a “precariedade” e a “sobrecarga de traballo” que están a padecer, co consecuente “deterioro da atención primaria”.
A solución, “contratos estables”
Dende o colectivo esixen ao Sergas que dialogue para atopar unha saída a esta situación: “Situacións como esta [a morte dun doente na Estrada] acontecen por non escoitar aos profesionais”, denuncia Carlos Gabián, do PAC de Tui. Representantes dos PAC mantiveron este mércores un encontro co BNG, que secunda a súa loita e pide a Sanidade “contratos estables” para que as e os profesionais “non marchen á privada”.
Queren deteriorar a sanidade pública
A deputada Montse Prado considera que o Goberno galego “quere deteriorar o sistema sanitario público” porque non ten “vontade política” para solucionar esta problemática. A bancada nacionalista demanda á Xunta a convocatoria de “tódalas prazas vacantes” e un aumento das prazas de formación universitaria e do MIR, así como incorporar a médicos de fóra do país que a Xunta considere “aptos”.
En Marea esixe unha “solución inmediata” a un problema “de primeira orde”
Pola súa banda, En Marea quixo tamén apoiar as reivindacións deste colectivo, demandando medidas a “curto, medio e longo prazo”. Para a deputada Eva Solla, trátase dun “problema de primeira orde” que precisa unha “solución inmediata” por parte do Sergas.
Solla apuntou tamén que a morte do doente da Estrada era “algo que podía acontecer”, debido á “baixa calidade asistencial” provocada pola “falta de recursos” da Sanidade pública do país.