Home Programas Espazo Aberto Sindicalistas e feministas, unidas na denuncia por acoso á Fundación Matrix

Sindicalistas e feministas, unidas na denuncia por acoso á Fundación Matrix

0
Sindicalistas e feministas, unidas na denuncia por acoso á Fundación Matrix

A Fundación Matrix, Investigación e Desenvolvemento Sostible, naceu da Universidade de Vigo, no Laboratorio de Ecoloxía Aplicada,  segundo sinala a empresa na súa páxina web onde tamén se destacan os servizos que presta, como o de formación e consultoría de igualdade ou proxectos de cooperación internacional. Tras unhas simples buscas na internet, pódese atopar un blogue chamado ‘Fundación Matrix Acosa’ no que achega unha visión moi diferente desta compañía. “Na Fundación Matrix chegamos á fartura de constantes menosprecios, xogadas, agresións e situacións de acoso polo que decidimos crear unha plataforma que sirva de altofalante ás traballadoras e traballadores que estiveron e están, para avisar ás que virán”. Na tarde deste pasado xoves, a Secretaría das Mulleres da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) uníuse a esta denuncia pública xunto co colectivo feminista Ameixas da Ría a través dunha concentración ás portas da Fundación Matrix.

A central sindical denuncia un novo caso de acoso laboral nesta empresa protagonizado polo seu director executivo Javier Montalvo que “acumula un gran número de maltratos continuados ás súas traballadoras”. “Este señor é responsable das múltiples baixas médicas por ataques de pánico, ansiedade e depresión que se dan entre mulleres nesta Fundación. Tan normalizado e sobrepasado está o seu maltrato que non sorprende que haxa traballadoras que duren tan só 24 horas no posto de traballo”, denuncian.

As mulleres que alí se concentraron, sindicalistas e feministas, uníronse cun obxectivo común: “Isto só é o comezo, esta loita non remata aquí porque non imos permitir máis esta opresión, este maltrato cara ás mulleres que traballan nesta Fundación, de onde os seus ingresos saen na súa maioría das arcas públicas, fondos do Estado a través de subvencións públicas, solicitadas e concedidas para promover a igualdade de xénero nas escolas, institutos e centros de traballo”.