A pasada semana publicábase a estatística do uso do galego do IGE, correspondente ao ano 2018. Entre esta e a de 2013, non transcende nin unha mellora importante nin un grande empeoramento.
Malia todo, hai un dato negativo que chama especialmente a atención: un de cada 4 nenos e nenas de entre 5 e 14 anos non falan galego nada ou case nada. Hai que lembrar que en 2008 este dato era do 16,3% e dez anos despois, do 23,9%: en 10 anos, aumentou case 7,6 puntos.
Preguntados por esta cuestión, os grupos parlamentarios coincidiron na gravidade da situación do galego na xente nova (incluido o PPdeG). Os grupos da oposición, con matices, falan do sistema educativo como unha das problemáticas.
Para Luis Villares, o ensino en Galicia é “desgaleguizador”, algo no que coincidía Luca Chao (GCdaE), que denuncia que saian “menos galegofalantes dos que entran” na escola, e sinalou o Decreto do Plurilingüismo como un dos causantes desta baixada de galegofalantes menores de idade. Ana Pontón, criticou que “en vez de recoñecer esa realidade”, a Xunta faga “triunfalismos”.
Ante o dato do IGE, o PPdeG mencionou a “transmisión familiar” coma un problema que se vén dando sempre e dixeron que “hai que seguir perserverando”.
Gonzalo Caballero considera que é preciso que o galego chegue a novos ámbitos e Villares comparou o latín dos cregos co galego dos nenos, en referencia ao argumento recorrente da Xunta -que volveu empregar o voceiro do PPdeG Pedro Puy- sobre o maior coñecemento do galego.