Silenzo de Feijóo ante as preguntas sobre Pablo Crespo

O presidente desvía as preguntas da prensa logo do Consello da Xunta e non quixo comentar nin as declaracións de Crespo nin o escándalo das fragatas de Defensa

Alberto Núñez Feijóo evitou falar hoxe de corrupción na rolda de prensa do Consello da Xunta malia as preguntas da prensa. “Non hai ningunha novidade”, respondeu cando se lle instou a que opinara sobre as declaracións de Pablo Crespo en Madrid, “é o mesmo que xa sabiamos”. Tamén no caso das fragatas botou balóns fóra dicindo que “a Xunta non sabía nada”

Defensa pechada da xestión de Manuel Fraga

Iso si, non deixou escapar a ocasión de defender ao fundador do seu partido, Manuel Fraga Iribarne, malia que o propio Crespo asegurara que era unha das persoas que estaba ao tanto da caixa B do PP en Galicia e dos pagos de sobresoldos a xornalistas.

Tampouco quixo entrar en confrontación co Secretario Xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, que onte aseguraba que Feijóo era “un cínico” ao falar de corrupción. “Mal empeza se comeza insultando”, dixo o presidente da Xunta preguntado por Nós Televisión, e tirou de retranca para desexarlle “que sexa o lider da oposición”.

- Publicidade -