SES presenta este sábado 14 de abril en Santiago o seu novo disco, ‘Readmirando a condición’. Será no Auditorio de Galicia ás 21 horas. Neste novo traballo, publicado o pasado 1 de decembro, a cantora coruñesa volveu gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, ‘Admirando a condición’, que publicara en 2011.
O espectáculo forma parte da xira que a está a levar por varias cidades galegas (A Coruña; Vigo; Vilagarcía; Narón o 12 de maio; e Lugo o 26), ademais de Barcelona, Madrid, Bilbao (Azkena, 20 de abril) e Lizarra ao día seguinte. Polo momento xa esgotou as entradas nas dúas primeiras datas consecutivas na Coruña e en Barcelona.
Neste ‘tour’ as súas fans poderán escoitar por primeira vez o repertorio íntegro deste disco, pois naquel momento non se fixo xira e algúns dos temas que inclúe -como “Rolling Stone”, “Pepa” ou “Fala de mel”- apenas foron interpretados en directo.
Esta revisión do seu primeiro disco chega logo do éxito de ‘Opoñerse á extinción’, do que vendeu máis de 7.000 discos (chegou ao top 85 de vendas en España) e de ofrecer uns 50 concertos desde a súa presentación en decembro de 2016, con ‘sold-outs’ en case todos os auditorios galegos e concertos nas principais salas de Bilbao, Madrid ou Barcelona, alén de participar no Madrid World Pride e noutros moitos festivais por toda a Península.
‘Readmirando a condición’ está composto por doce temas, dos cales once corresponden ao seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ao seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma mesma, a diferenza do primeiro disco.