O cambio climático segue a ser o grande desafío deste século. As súas consecuencias e como se está a chegar a elas están a ser investigadas mais hai dificultades para que os seus resultados cheguen á inmensa maioría da poboación. Deste tema están a falar en Compostela no IV Seminario Internacional Resclima e no 2º Encontro da REAJA. Algunhas das súas conclusións poderían sorprendernos, como explica Edgar González, investigador da Universidade de Veracruz.
“A mocidade de hoxe en día, por exemplo en Europa, está moi ben informada das consecuencias do cambio climático”, explica este investigador que participa no Seminario Internacional Resclima, “sabe moi ben como actuar, mesmo no día a día, para colaborar en que non sexa aínda máis grave este problema medioambiental…. mais non o fan”.
González sinala que un dos maiores desafíos da comunidade científica é, dalgún xeito, “informar, facer pedagoxía e chegar a todas as capas da poboación para que se conciencien do que está acontecendo.
E as empresas?
Este investigador da Universidade de Veracruz reacciona con incredulidade cando se lle pregunta por como facer pedagoxía das “boas maneiras medioambientais” á empresas, o sector máis relacionado coa contaminación que afecta ao cambio climático.
“Sería inxenuo pensar que as empresas actuarán por vontade propia para regular as súas emisións e tratar con responsabilidade ao medio ambiente”, afirma Edgar González, “a única maneira que temos é a lexislación e diso son responsables os gobernos”.
Un problema urxente
Neste seminario alértase de que urxe tomar conciencia da vulnerabilidade humana diante desta ameaza, así como aceptar a maior responsabilidade das sociedades que más teñen contribuído ás emisións de Gases de Efecto Invernadoiro.
Sinalan que a resposta ten que ser tamén urxente posto que as alarmas prendidas pola comunidade científica advirten que temos escaso tempo para reaccionar e en poucos anos haberá que emprender unha gran transformación social, económica e enerxética para evitar o colapso da civilización tal e como a coñecemos.