
Emigrar, deixando atrás a túa terra, as persoas máis achegadas e os teus costumes nunca é doado. Porén, pode facerse un chisco máis sinxelo se logras aclimatarte a un novo fogar, e para iso é imprescindíbel, sen renunciar á túa cultura, adaptarte á do teu destino. Diso sabía moito Luís Seoane, exiliado en Bos Aires dende finais de 1936, e tamén José Vicente Martínez-Romero Gandos, psicólogo arxentino e amigo do prolífico artista que en 2002 tivo que facer a valixa e emprender a ruta inversa, é dicir, cara a Galicia.
Martínez-Romero, psicólogo e amigo de Seoane en Bos Aires
Discípulo da escola logoterapéutica de Viktor E. Frankl, Martínez-Romero desenvolveu a súa carreira profesional tanto na atención a pacientes, a través dunha consulta particular, como no eido académico, chegando a dirixir a carreira de Psicoloxía na Universidad del Salvador. Mais os devastadores efectos do corralito tamén afectou á súa propia familia: perdeu o seu traballo e viuse obrigado a emigrar á Coruña xunto coa muller e os fillos, mais estes “na procura do seu proxecto persoal”. “Partimos ao encontro coa outra parte da nosa cultura”, explica, lembrando que nunca perdeu o vencello coa cultura galega que herdou dos seus pais, tamén emigrantes.
Nos seus anos en Arxentina moveuse, dende moi novo, entre as elites culturais que brotaban de entidades coma o Centro Gallego de Bos Aires ou a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Naquel ambiente coñeceu a Luís Seoane, quen organizaba con frecuencia, na súa casa da rúa Montevideo, faladoiros nos que participaban figuras coma Dieste, Alberti, ou o propio Martínez-Romero. Alí, os asistentes, mesturados “os mozos e os maiores”, debatían sobre cuestións da actualidade política e cultural do país.
Neses anos, o psicólogo comezaría forxar unha amizade con Seoane e a súa muller, Maruxa Fernández, con quen mantería correspondencia por carta até os seus derradeiros días. “Eran dúas persoas moi xenerosas que fixeron moito por Galicia dende o exilio”, explica. Igual de importante foi o labor divulgativo que Seoane, o psicólogo arxentino e moitos outros intelectuais da época fixeron a través da radio e publicacións coma Galicia emigrante.
A obra de Seoane non é recoñecida como merecería; foi moito máis ca un pintor
Cando se fala de Luís Seoane, a meirande parte da xente imaxina a súa obra pictórica, esquecendo as outras moitas facetas “artísticas e políticas” que o caracterizaban: debuxante, gravador, pintor, escritor, creador de numerosos murais da cidade, e un longo etcétera. Para Martínez-Romero, o artista “non é recoñecido como merecería”, nin pola Administración, nin pola sociedade galega, nin pola fundación que leva o seu nome, á que acusa de “non asistir nin sequera ás homenaxes”.
Porén, a figura de Seoane si que é considerada “moi importante” á outra beira do Atlántico, onde “traballou arreo dende 1936 até o seu retorno a Galicia”, no ano 1975. “Na súa obra daba a coñecer Galicia, mais tamén Bos Aires e a emigración en xeral; era un artista con vocación internacional”, matiza o psicólogo, quen fai un chamado a que o patrimonio cultural do prolífico autor “se proxecte cara o exterior”.
O doutor Martínez-Romero; José para algunhas amizades, Vicente para outras, vive agora feliz na Coruña, malia que a súa acollida hai máis dunha década “non foi boa”. El, coma o seu amigo Luís, viuse obrigado a deixar o seu fogar polas circunstancias do momento. Agora pide “memoria” para a emigración que asoballou Galicia durante o século XX, para que todas esas persoas non fiquen no esquecemento.