A primeira edición da SELIC, a Semana do Libro de Compostela, ofrece máis dunha trintena de postos e ducías de actividades paralelas. Haberá postos de librarías e editoriais, pero tamén de institucións como o Concello, o Consorcio, o Auditorio, a Fundación Granell ou o Museo do Pobo Galego.
Ademais, o alcalde presentou hoxe os primeiros cinco volumes da Colección SELIC, que nace ao abeiro da Semana do Libro de Compostela. Nesta colección, participan autores como Suso de Toro, Roi Vidal, Carlos Quiroga, Helena Villar Janeiro, Mariña Pérez, Xesús Rábade Paredes ou Patricia Janeiro.
Suso de Toro: “É importante crear unha biblioteca da cidade”
Na presentación que tivo lugar esta mañá en Raxoi, Paco Macías, membro da Mesa do Libro que impulsou a organización da Semana do Libro de Compostela xunto co Concello, destacou a necesidade de levar a cabo este tipo de iniciativas. Pola súa banda, Suso de Toro salientou a importancia das figuras de Rosalía de Castro e de Valle Inclán para a nosa cidade.
Do 2 ao 11 de Xuño na Quintana
Entre as actividades paralelas da Semana do Libro, figuran percorridos guiados para amosar a Compostela máis literaria, como unha visita ao DIDAC, un percorrido botánico pola Alameda guiado polo biólogo Martín Souto, un itinerario troiano dramatizado ou unha visita ao Museo do Pobo Galego. Esta Semana do Libro celebrarase do 2 ao 11 de xuño na praza da Quintana.
Esta mañá, na presentación da "Colección #SELIC", @SusodeToro1 salientou a importancia da Compostela literaria https://t.co/BXt3G24Daj pic.twitter.com/fk2EgcB1PA
— Nós Televisión (@NosTelevision) 1 de junio de 2017