Home Programas Espazo Aberto Seis anos sen Avelino Pousa Antelo

Seis anos sen Avelino Pousa Antelo

0
Seis anos sen Avelino Pousa Antelo
Avelino Pousa Antelo. IC.

As datas serven, en parte, para significar acontecementos. O 20 de agosto de 2012 deixábanos, en Teo, Avelino Pousa Antelo, un dos persoeiros máis queridos e lembrados do galeguismo histórico no que militou até o seu último alento.

Unha das persoas que máis o coñeceu foi o seu amigo e escritor David Otero. Compañeiro na maior parte dos seus proxectos nos últimos anos sinala a Pousa Antelo como unha “figura poliédrica: foi xornalista, político, animador cultral, seguidor da tradición galeguista, ensinante” que “non está suficientemente considerada”.

Moitas fomos as persoas que tivemos a sorte de coñecelo e partillar ideas e pensamentos ao redor do país e o seu futuro. Otero apunta que Avelino Pousa Antelo “ten a veneración dun sector sindical, como é a CIG, político, como o BNG e Anova, ou de institucións como a Fundación Castelao ou a Fundación Alexandre Bóveda” mais, se cadra, tería que ir máis alá.

Redescubrir a historia

Pousa Antelo gostaba contar que estivo presente nun acto no Teatro Principal de Compostela no que escoitou, entre outros, a Castelao. David Otero lembra que Avelino “xa era galeguista antes mais foi fundamental recoller a concepción que tiñan de Galiza persoeiros como Castelao, Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade ou Fernández del Riego”.

O traballo de Avelino, quer xornalistico, quer pedagóxico, sempre foi transmitir ese ideario de defensa do país que el tamén aprendeu. “Hoxe en día coñezo mozos que descubren ao atoparse con el en escritos que o que pensan xa existía antes”, afirma, “figuras como Avelino e outras son os exemplos do pasado que se volven futuro e a través delas consolidan a súa sustancia militante” as novas xeracións. “Redescubren que a historia xa se escribiu”.

Alicerce da Cultura nacional

Unha das súas facetas máis coñecida foi a de pular por institucións como a Fundación Castelao e a Fundación Alexandre Bóveda. Otero lembra que esas institucións xurdiron “dunha maneira aberta”, onde “moita xente se apuntou, mesmo nomes como Rouco Varela”. O seu estado actual con poucos medios e actividade é consecuencia da súa independencia e aposta pola liberdade fronte ao control politico. “Os gobernos quixeron gobernalas, queren gobernar a cultura e eses proxectos non se poden gobernar porque as propostas de país non se poden gobernar”.

David Otero: “Os gobernos quixeron gobernalas (Fundacións Castelao e Bóveda), queren gobernar a cultura e eses proxectos non se poden gobernar porque as propostas de país non se poden gobernar”

David Otero conta unha anédota que define moi ben o talante de Avelino e a súa teima por dignificar o pasado do galeguismo. “Cando foi o centenario de Alexandre Bóveda nunha reunión con Fraga na que estaban Díaz Pardo, os fillos de Alexandre Bóveda e o propio Avelino, Fraga preguntou se queríamos cartos e a resposta foi que o que se quería era restituir os seus nomes. Avelino chegou a dicirlle que podía pasar á historia por restituir os nomes non polos cartos”.

Santiago de Compostela ( A Coru–a ) 18/10/09. Manifestaci—n a favor del uso del Gallego.

“Feijóo daria cartos para que se fixeran actos en xaneiro e vir poñer unha coroa e unha placa mais non é iso”. Otero reivindica a idea de Avelino de que as fundacións Castelao e Alexandre Bóveda conten con partidas propias nos orzamentos da Xunta “como acontece en Euskadi e Catalunya porque alí si son consideradas como algo importante”. Na actualidade non acontece así e mantéñense grazas a “achegas persoais”.

“A Fundación Castelao”, afirma Otero, “ten que ser o alicerce da nosa cultura nacional e poder tratar de temas como o medio ambiente, o idioma, a pesca, … Debía ser unha voz contundente e considerada neste país”.