Este martes saltaba aos medios o secuestro editorial de Fariña, ensaio no que o xornalista Nacho Carretero desgrana a historia do narcotráfico galego durante a década dos 80 e comezos dos 90. A nova agromaba envolta nun debate sobre a liberdade de expresión e os dereitos civís, ao producirse o mesmo día no que a Audiencia Nacional impoñía ao rapeiro Valtonyc unha pena de tres anos e medio de prisión por supostas inxurias á Coroa nalgunha das súas letras e de que o IFEMA retirase da feira ARCO unha serie de fotografías de Santiago Sierra nas que aparecían, entre outros, Oriol Junqueras e Jordi Sánchez, encarcerados coma presos políticos con motivo do procés. A isto hai que sumar, a nivel local, a polémica na que se viu envolto a semana pasada o dramaturgo Carlos Santiago tras encargarse do pregón do Entroido compostelán, polo que foi acusado de proferir unha serie de comentarios de mal gusto e incluso chamar “puta” á virxe.
A xuíza de Collado Villalba, Alejandra Fontana, ordenaba como medida cautelar a retirada dos exemplares do libro que se atopaban en librerías e paralizar a impresión da seguinte edición. Todo a petición do ex alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, quen denunciou en xaneiro a Carretero e a editorial Libros del KO porque o seu nome aparece citado no texto vinculado ao narcotráfico. O autor da obra manifestou, pola súa parte, que consideraba desproporcionada esta medida xa que tódolos feitos que nel se narran están probados xudicialmente.
Esta sentencia é desproporcionada
O Colexio de Xornalistas de Galicia súmase á ondada de apoios que recibiu nas últimas datas o autor do libro, Nacho Carretero, argumentando que a sentencia ditada pola Xustiza é “desproporcionada”. Xaime Leiro, representante territorial do Colexio en Santiago, apuntou que a súa organización respalda ao xornalista coruñés e pide que se respecte a “liberdade de información”, que se viu “ameazada” por mor do “secuestro” de Fariña.
Desde @xornalistas amosan a súa “preocupación” pola “posta en perigo” da liberdade de información ante o secuestro de #Fariña e expresan o seu apoio ao xornalista Nacho Carretero pic.twitter.com/3uVclXFG1S
— Nós Televisión (@NosTelevision) 23 de febrero de 2018
O libro de Carretero, ao igual que as fotografías de Sierra, foi vítima do Efecto Streissand, como se denomina ao fenómeno polo cal o intento de censura dunha obra provoca que esta teña unha repercusión moito maior que se non se tivese denunciado. En poucas horas converteuse no libro máis vendido en España, con máis de 30.000 exemplares distribuidos en só dous días, esgotándose en Amazon e en distintos puntos de venda físicos. Tamén foron difundidos en redes sociais os fragmentos no que o ex alcalde aparece citado. Distintos establecementos e colectivos coma o Gremio de Libreiros de Madrid mostraron a súa disconformidade co secuestro e anunciaron que seguirían distribuindo a obra. A mesma decisión tomou a libraría compostelá Numax, que bromeou nas redes sociais con este asunto e amosou a súa solidariedade con Carretero.
Na Libraría NUMAX temos "Fariña" 😉 pic.twitter.com/RXQwGrnPGB
— NUMAX (@numaxcoop) February 22, 2018
Pola súa banda, Antena 3 decidiu adiantar a estrea da adaptación da obra que Bambú Producciones rodou o pasado verán en diferentes localizacións de Galicia. Co titular “La serie basada en el libro prohibido”, a canle de Atresmedia anuncia a emisión en exclusiva o vindeiro mércores dunha montaxe non definitiva do episodio piloto. A continuación, emitirase un debate sobre o narcotráfico en España con distintos expertos e a presenza de Carretero.