A Xunta segue sen solucionar o problema da extinción de lumes. Traballadoras e traballadores de SEAGA protestaban hoxe diante dos edificios administrativos de San Caetano no seu primeiro día de folga indefinida.
A reivindicacións sinalaban o que consideran unha discriminación ao quedar fóra do acceso ás prazas do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais. A contratación para o ano vindeiro de bombeiros forestais realizarase a través desta canle polo que traballadoras e traballadores que levan anos en SEAGA quedarían fóra ao non contabilizar ese período na Xunta.
Apoio de BNG e En Marea
Na concentración tamén participaron expresando o seu apoio ás reivindicacións deste sector EnMarea e BNG a través dos membros do Parlamento galego Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, (EnMarea) e Xosé Luís Rivas “Mini” (BNG).
O martes 18 haberá unha nova xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública onde están convocadas CIG, CCOO, UGT e CSIF, centrais sindicais con representación na administración pública.