A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago-Miramontes recibe con bos ollos que a Fiscalía de Medio Ambiente leve ao xulgado dúas querelas contra as empresas xestoras. Sertego Servizos Medioambientais SL e Tecnosolos Galaicos SL, responsables do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosolos da canteira respectivamente, poderían ser acusadas de delitos contra o medio ambiente.
No caso do vertedoiro, será “conforme á mala xestión e incumprimento de autorizacións e medidas de prevención”; explican dende a Plataforma. Trátase, ademais, de “informacións poderosas” recabadas polas “inspeccións de organismos oficiais, como pode ser a Xunta”, engaden. A planta de tecnosolos, pola súa banda, nin sequera parece cumprir cos requisitos para que o produto sexa considerado como tal. “O que hai espallado alí é unha masa anómala”, comentan, “poderiamos dicir que un vertido de residuos, pero que non ten a categoría de tecnosolo“.
Dende a Plataforma de afectados piden responsabilidade ás Administracións, e que durante o proceso xudicial “velen pola seguridade dos cidadáns”, que están nunha situación de risco. Actualmente, a materia orgánica acumulada no vertedoiro supera a súa capacidade, o que xera os problemas filtracións de gases e os cheiros dos que a veciñanza se leva queixando anos, ademáis de comprometer a propia estabilidade da edificación. Tamén son problemáticos os residuos fóra da planta, que orixinan lixiviados que rematan no afluente do Tambre, o Río Gatofero, do cal se abastecen tomas de auga de consumo humano sen ter en conta a posible contaminación.