Logo de rexistrar no Parlamento 7.000 sinaturas pedindo unha mellora nas condicións do persoal sanitario, unha delegación da CIG-Saúde reuniuse cos catro grupos políticos para abordar esta situación. A primeira quenda foi para En Marea, que recibiu “con agrado” as propostas do sindicato.
Na mesma liña se desenvolveu o encontro coas e os representantes do BNG, que insistiron na importancia de que Sanidade se “sente” a negociar esta cuestión. No caso do grupo socialista, o encargado de recibir ao sindicato foi Julio Torrado. O deputado do PSdeG asegura “compartir” as proclamas do sector da Sanidade e lamenta a reforma da Lei de Saúde orquestrada polo PP.
A oposición e a CIG instan a Sanidade a “sentarse a negociar”
A CIG mantivo tamén unha xuntanza con deputados e deputadas do grupo popular, na cal fixeron un chamamento ao conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, a “escoitar” ao persoal sanitario e “tomar medidas” para resolver este conflito.