Xosé Sánchez Bugallo volverá ao Pazo de Raxoi. Os socialistas conseguiron desbancar no goberno municipal a Compostela Aberta ao conseguir 10 concelleiros. “O máis importante é Santiago”, asegurou Bugallo nunha rolda de prensa tras coñecer os resultados das eleccións municipais deste domingo. O candidato socialista tamén anunciou que este mesmo luns chamará aos demais partidos para comezar a artellar a súa proposta de cidade facendo fincapé no vindeiro Ano Santo.
Dende Compostela Aberta, Martiño Noriega sostivo que o Concello estaba “no seu mellor momento”, “todos os síntomas din isto”. “Intentamos valentemente liderar ese espazo de cambio” pero “os resultados non acompañaron ese desexo”. Destacou Noriega que “Compostela Aberta seguirá facendo un traballo transversal” e “que sume e non reste”.
O Partido Popular queda como segunda forza con 8 escanos mentres que Compostela Aberta baixa aos 5 edís. A candidata nacionalista, Goretti Sanmartín, destacou a suba do voto do BNG que conseguíu 3 edís aínda que recoñeceu que non se cumpriron os obxectivos cos que se presentaran ás municipais xa que se presentaban “con moito traballo detrás”. Compromiso por Galicia e Ciudadanos non conseguiron representación ningunha.