O xoves 28 de marzo estrearase na Casa da Cultura de Noia “San Finx 1960”, o máis recente traballo da documentalista Irene Pin producido para o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, institución recoñecida oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de Nós Televisión.
En 1960, a routura da presa máis grande da explotación de wolframio de Lousame deixou baldíos todos os terreos ao seu paso. Unha historia esquecida sobre a que o documental “San Finx: a catástrofe de 1960” achega un pouco de luz. A nosas cámaras quixeron conversar coa artífice, Irene Pin Basanta, que considera isto un “exercicio de memoria histórica medioambiental“.
“Puido afectar á poboación, pero non se saben os efectos”, explica “non existen estudos porque daquela non se facían”, o que fai deste desastre medioambiental unha mera anécdota para todos menos para os residentes. As súas testemuñas son parte fundamental da peza videográfica, xunto con voces de asociacións de ecoloxistas e expertos que coinciden en que a catástrofe de San Finx continúa a ser visible hoxe en día.
Alén diso, este é un problema aínda presente, porque como explica Irene Pin, “as outras balsas seguen alí, abandoadas, e ninguén quere facerse cargo da súa responsabilidade”. Un perigo porque poderían chegar a afectar á ría de Noia. Pero o máis sorprendente foi a decisión agora paralizada de renovar a concesión da explotación en 2009, que a ollos da autora “está cargado de irregularidades“, “como acontece con outros moitos proxectos de extractivismo” engade.
Un proxecto didáctico
O documental esta integrado dentro dun proxecto máis amplo para abordar este tema medioambiental dende a educación. A peza audiovisual está enfocada ás escolas de secundaria, e un libro ilustrado será empregado nas primarias para concienciar sobre os efectos reais da actividade mineira.
“O discurso que nos están vendendo é que isto é marabilloso, que a mina non contamina e todo é xerar emprego”, explica Irene, pero “estamos xerando riqueza cagándonos o noso medio, que é algo moitísimo máis importante”.
A Directora
Irene Pin, directora do documentario, tense creado un oco no mundo do documentario galego con traballos de divulgación e crítica social. En 2017 presentaba xunto con Bego Fernández ‘Morrer de vagar’, filmado en campos de refuxiadas en Grecia, e un ano antes gañaba no Festival de Cine de Roca o premio á mellor curta galega con ‘Ai, Pardiñas, dásme a vida’.