San Finx 1960

Traballo pioneiro de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira

Lousame, 1960. Unha presa de decantación de residuos das minas de San Finx rebenta, arrastrando río abaixo lodos e áridos. Deste evento, batizado como a “catástrofe de 1960”, apenas existen rexistros escritos. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova rotura. A responsabilidade evaporouse. Pero o relato do acontecido sobrevive na fráxil memoria da veciñanza, ao tempo que unha nova concesionaria e a administración se empeñan en reescribir a historia.

O documentario reconstrúe a historia da “catástrofe de 1960” a través da memoria e voces da veciñanza de Lousame que narran como a maior das presas de decantación de lodos das minas de San Finx tivo unha falla crítica que provocou unha avalancha de residuos mineiros que arrasou co curso fluvial ata a mesma ría de Noia deixando a súa pegada durante décadas. Trátase dun pioneiro traballo de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira. “O coñecemento do pasado é imprescindible no presente para evitar a repetición destes desastres ambientais no futuro”, enfatizou a directora no coloquio final.

A Directora

Irene Pin, directora do documentario, tense creado un oco no mundo do documentario galego con traballos de divulgación e crítica social. En 2017 presentaba xunto con Bego Fernández ‘Morrer de vagar’, filmado en campos de refuxiadas en Grecia, e un ano antes gañaba no Festival de Cine de Roca o premio á mellor curta galega con ‘Ai, Pardiñas, dásme a vida’.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego