Home Espazo Aberto Cultura Sabucedo celebra este sábado a quinta edición da súa Muiñada, Magosto e Samaín

Sabucedo celebra este sábado a quinta edición da súa Muiñada, Magosto e Samaín

0
Sabucedo celebra este sábado a quinta edición da súa Muiñada, Magosto e Samaín

O mundo rural, o medio ambiente e as nosas tradicións conforman a quinta edición da MUSA, Muiñada, Magosto e Samaín, organizada pola Asociación A Rapa das Bestas e a Asociación de Veciños/as de Sabucedo. Este evento, creado en 2015 e consolidado no calendario de festas de outono da provincia, celebrarase este sábado, 2 de novembro, cunha ducia de actividades que se prolongarán durante 15 horas ininterrompidas.

A veciñanza confía en volver encher a aldea da man de actividades como o roteiro de Sabucedo, os obradoiros vespertinos e a escura procesión da Santa Compaña ata o cruceiro. Polo demais, durante a xornada haberá un xantar popular con produtos da Terra de Montes na Carballeira do Campo do Medio que xa ten os seus convites á venda a un prezo de 17 euros de xeito anticipado ou 19 –10 para os nenos– no mesmo día. As reservas poden facerse nos teléfonos 659 908 745 ou 684 126 649. Tamén haberá polbo á feira a un prezo de 10 euros.

En representación do colectivo veciñal, Fátima Fernández explicou que a xente de Sabucedo “está a traballar arreo e con moita participación para que todo volva ser un éxito e ademais incorporamos pequenos detalles nas actividades que fan que en cada edición todo saia mellor”, polo que quixo convidar a todos os veciños das parroquias e dos concellos limítrofes a “gozar dunha xornada especial de Samaín nunha aldea que sempre acolle a todo o mundo cos brazos abertos”.Henrique Bazal, presidente de Rapa das Bestas, engadíu que a MUSA “reúne todos os ingredientes dunha festa familiar en torno ás nosas tradicións e serve para demostrar a nosa aposta e cariño polo medio rural e pola dignificación e dinamismo da vida na aldea e no interior de Galicia”.

Programa completo e detallado de actividades:

10.30.-Roteiro de Sabucedo
12.00.-Apertura do Mercado de Outono
13.00.-Xuntanza e visita guiada do Muíño do Mestre e inicio dos obradoiros de pan e filloas
13.30.-Aperitivo con Airiños de Caldelas e xantar con produtos da Terra de Montes
16.30.-Obradoiros de pan, filloas e setas recollidas durante o roteiro
17.30.-Obradoiro do Samaín con calacús, vestimentas e maquillaxe
17.30.-Charla-coloquio “De Samaín a Hallomaín. Biografía dunha perversión”, a cargo do profesor e
investigador Rafael López Loureiro
18.00.-Mostra-degustación de cociña de outono
19.30.-Saída da procesión da Santa Compaña e remate no cruceiro con queimada e responsos
20.30.-Noite do Samaín e magosto no teleclube
22.30.-Concerto de Iván Rodríguez