Para pasar mellor estes días de confinamento, Nos Televisión quere poñer á vosa disposición novos contidos. Por iso anunciamos que acabamos de conseguir en primicia os dereitos de emisión en aberto do documental ‘Paraíso Roubado’, que terá como data de lanzamento: hoxe, martes día 31 de marzo ás 21:00 horas.
‘Paraíso Roubado’
Este documental foi estreado en 2017, con grande éxito de público malia contar cunha discreta distribución. O director da cinta, Lukas Santiago, ten afirmado que sempre concebíu este documental como o primeiro dunha triloxía: “Desgrazadamente, Lourizán sufriu tantas agresións importantes nas últimas décadas e hai tantas cousas que contar, que sempre tiven claro que un documental non daba para contalas todas. Esta é, por dicilo así, a primeira parte dunha triloxía, que vai desde o momento de esplendor da miña parroquia, a finais do sec. XIX e principios do sec. XX, ata “o inicio do fin”, o punto de inflexión hacia a súa destrución que supuxo a instalación da fábrica de celulosa”.
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) financiou esta cinta para reivindicar que a oposición social a Ence, que levan liderando máis de 30 anos, en realidade viña de moi atrás, de antes mesmo da existencia da propia fábrica. A súa orixe está na loita que mantivo a xente do mar, especialmente a veciñanza de Lourizán, contra a súa instalación, ao ver en perigo o seu ancestral modo de vida.
Santiago tamén quixo destacar que “esta loita foi unha loita en feminino, protagonizada por mulleres. Este episodio, o dunhas mariscadoras que se enfrontaron á represión militar durante a ditadura franquista na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, é un episodio bastante descoñecido da nosa historia recente e que merecía ser rescatado e divulgado”.
Por último, o director ofrécenos as claves deste traballo: “O que destacaría deste documental é que é en si mesmo un exercicio de memoria histórica. Quixen darlle a voz ás mulleres de Lourizán que viviron en primeira persoa aqueles acontecementos. Quería que se escoitase o que viviron e o que sentiron ao ver como lles roubaban o seu paraíso e destruían o seu medio de vida. Voces que nunca se escoitaran pero que tiñan un testemuño de grande interese. Baseime en entrevistas que foran realizadas entre 2007 e 2011. Algunhas destas persoas xa morreron a día de hoxe, polo que o seu testemuño adquire, se cabe, maior valor documental”.