Home Programas Espazo Aberto Sabemos que é unha lingua minorizada?

Sabemos que é unha lingua minorizada?

0
Sabemos que é unha lingua minorizada?

Saímos á rúa para ver se coñecemos realmente que é unha lingua minorizada: aquela que sendo propia dun pobo, está sometida a condicións sociais que restrinxen o seu uso, coma o galego.

Na sala infantil da Ánxel Casal tiveron en conta a situación destas linguas e aproveitando o Día Europeo das Linguas, acordáronse das peor tratadas, das que menos libros hai e ás que por desgracia, menos xente aprende: abriron armarios e expuxeron libros infantís en éuscaro, bable, romanés ou eonaviego, unha fala das comarcas do Eo e do Navia falada por 45.000 persoas. Explicóunolo Patricia Babío, técnica da sala infantil da Biblioteca Ánxel Casal: “Os idiomas son importantes pero algúns son minorizados. Hai que pór en valor as linguas; non ten tanta importancia canta xente as fale.”

Podes ver aquí a mostra bibliográfica en linguas minorizadas da Ánxel Casal

A mostra estará dispoñible toda a semana, mais recoñecen que lles gustaría aumentar a oferta e facer actividades para promover as linguas minorizadas. Na rúa, semella claro que o galego é unha lingua minorizada, mais non por iso é menos importante aprendelo e conservalo, como mencionaba Patricia. Como bo exemplo disto, e case sen querelo, atopamos a un galego que nos achegou a unha lingua tan lonxana e tan interesante, mais non minorizada, como é o xaponés.