Unha sentenza do xulgado da Coruña obriga á liña aérea Ryanair a indemnizar a dúas asociadas da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) con preto de dous mil euros polos danos e prexuízos derivados do atraso de seis horas dun voo da compañía entre Santiago e Madrid.
O atraso do voo impediu que as socias da UCGAL chegasen a tempo a outro voo que formaba parte dun paquete turístico. Malia que a compañía aérea irlandesa abonou a indemnización correspondente pola demora (250 euros) negouse a aceptar ningunha outra responsabilidade derivada do incumprimento do horario establecido de voo. Desde a perspectiva desta asociación, Ryanair non só tiña que aboar os correspondentes 250 euros senón tamén facerse cargo dos custes derivados da demora e dos danos morais ocasionados pola mesma. Nun primeiro momento, a aeroliña irlandesa negouse a facerse cargo dos custes reclamados argüíndo que a compañía non está obrigada a garantir enlaces con outros transportes contratados. Ante esta situación, desde a entidade que defende os intereses e dereitos das persoas consumidoras iniciouse un procedemento xudicial en nome das socias afectadas.
A sentenza lograda, firme e contra a que non cabe recurso, establece que “quedan obrigados á indemnización de danos e prexuízos causados os que no cumprimento das súas obrigacións incorresen en dolo, neglixencia ou morosidade,…”. Así que, o atraso de seis horas no voo, incorre no incumprimento da obriga asumida por Ryanair coas persoas usuarias do seu servizo.