Hai 182 anos nacía unha Rosalía de Castro aínda descoñecida no naquel entón Concello de Conxo, que pouco sabía do impacto que ía ter en todo o pobo galego. Hoxe, case dous séculos despois, Santiago volve volcarse en reivindicar e conmemorar a súa vida coa Semana de Rosalía en Compostela . Ata o vindeiro 28 de febrereiro están previstas unha serie de actividades para unir á comunidade na celebración con ocio, cultura e música.
A Fundación Rosalía de Castro e Raigame, a asociación veciñal do Ensanche, colaboran co Concello para celebrar á escritora da “forma máis axeitada”, como compartiu o Presidente da fundación, Anxo Angueira. “Reivindicándoa e levándoa tamén ao pobo“, continuou. Os colexios, os centros cívicos, os comercios e os establecementos hostaleiros, todos contribuirán para facer da nosa avoa nacional a protagonista. Integrar o sector económico no groso das actividades foi un obxectivo claro dende o principio, como explicaron dende o Concello.
Alén diso, dende a asociación de veciños do Ensanche, quixeron arpoveitar para lembrar a o papel do barrio de Conxo e da zona periférica na vida de Rosalía e comentar algúns dos proxectos que teñen para reivindicar a súa figura. Hai uns meses propuxeron cambiarlle o nome á Praza de Vigo en honra á escritora, e hoxe facer na mesma praza “algo digno da figura de Rosalía de Castro” a modo de homenaxe, e que ademais sexa “un punto de visita de calquera que veña á cidade de Santiago de Compostela“, finalizou.
Para consultar o programa, prema aquí.