Rematadas as obras do campo da festa de Marrozos e da senda cuberta en Lamas de Abade

Os dous proxectos foron seleccionados nos orzamentos participativos de 2017

Os orzamentos participativos impulsados polo Concello de Santiago comezan dar os seus froitos. Este martes, os concelleiros Rafael Peña e María Rozas visitaron dúas das actuacións realizadas no marco deste programa. Unha das máis solicitadas pola cidadanía compostelá fora a construción dunha senda cuberta que conectase o CEIP Lamas de Abade coa Escola de Hostalería, na que o alumnado dispón do servizo de comedor.

A parroquia de Marrozos foi outra das grandes protagonistas neste proceso de participación cidadá. O Concello destinou, por petición popular, 60.000 euros para a ampliación e mellora do campo da festa, un espazo moi empregado pola veciñanza para a celebración de diferentes eventos.

Máis obras

Así e todo, o Concello prepara outra actuación sobre o campo da festa que se desenvolverá ao longo do verán: a reforma íntegra do palco e as instalacións que o compoñen, co obxectivo de converter Marrozos nunha parroquia “dinámica” e “atractiva” para a cidadanía.

- Publicidade -