O 9 de febreiro na Casa da Cultura de Ordes (19:30h) proxectarase a nova reportaxe documental realizada por Xose Bocixa Rei para Nós Televisión sobre as organizacións cidadás que se están a formar na área da comarca compostelá como resistencia á destrucción que empresas enerxéticas, mineiras e a xestión do lixo están operando en todo o territorio galego e á non actuación da Xunta de Galicia para evitalo, investigalo e enmendalo.
Recentemente, oito plataformas uniron as súas forzas para dar unha resposta coordinada aos problemas ambientais da contorna de Compostela. Da Casalonga ata Touro, de Ordes ata o vertedoiro descontrolado de Miramontes. Moitos problemas ambientais similares entre si. Compostela está rodeado por proxectos perigosos e altamente contaminantes. Unha loita que fica reproducida a través dun novo traballo documental de Nós Televisión dirixido por Xosé Bocixa.
Ordes acollerá este vindeiro sábado o segundo gran acto público da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre e trala proxección do novo documental de 90 minutos haberá un coloquio aberto con testemuñas de cada unha das agrupacións organizadoras.