O documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei, e estreado en Ordes a principios de febreiro, chegará o próximo luns, 8 de de abril a Santiago. O Teatro Principal da capital galega (Rúa Nova, 21) acollerá un pase gratuíto do audiovisual o luns ás 20:00 horas, para o que non é necesario retirar entrada nin convite previo e que está aberto a todas as persoas que desexen asistir. Ao rematar haberá un coloquio e micro aberto.
No documental, que ten unha duración de 75 minutos, recóllense variadas testemuñas das agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos cidadás que integran a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre. No filme enlázanse de xeito maxistral pezas musicais de grupos galegos, imaxes sobrecolledoras dos nosos ríos contaminados, da nosa terra e do noso aire, coas mobilizacións cidadáns en defensa do medio. Todo a través da mirada e de entrevistas a veciños e veciñas, xente do ámbito da ciencia e a investigación, asociacións culturais e medioambientais que queren dar a coñecer unha realidade que estamosa padecer en Galicia e que se pretende agochar para beneficio duns poucos grupos de poder con intereses económicos claros que non respectan o dereito a un rural vivo e sostible, limpo.