
O vindeiro mércores 20 de marzo unha delegación de 15 persoas trasladarase ao Parlamento Europeo a iniciativa da eurodeputada Lídia Senra para manter varias reunións na Eurocámara co equipo xurídico da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
A intención é demostrarlle a responsables da UE que se están incumprindo normativas medioambientais na xestión de lixo, minaría, depuradoras, transición enerxética e proxectos non respectuosos.
A reportaxe documental de Nós Televisión
Dentro das actividades de denuncia figura a estrea pública da reportaxe documental de Nós Televisión ‘Redes contra a política do espolio’ dirixida por Xosé Bocixa.
A proxección terá lugar no Centro Galego de Bruxelas La Tentation o mesmo mércores, a partir das 19 horas. Logo da mesma terá lugar un micro aberto e debate sobre as situacións que se relatan e que inclúen todas as problemáticas da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre.
O xoves, está previsto que a delegación galega asista á convocatoria da sesión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, na que algúns dos colectivos galegos teñen presentadas solicitudes.