Compostela camiña cara á “revitalización” da súa cidade histórica. Este martes, preto dun centenar de persoas participou na conferencia estratéxica do Plan Estratéxico e de Xestión da Cidade Histórica, dirixido por Juan Requejo.
O papel da cidade histórica no futuro de Compostela
O arquitecto andaluz salientou os grandes retos dunha cidade que ten unha proxección “moi positiva” de cara ao estranxeiro. Asemade, o concelleiro Jorge Duarte fixo fincapé na “gran resposta” da cidadanía ante este proceso.
Pola súa banda, o alcalde, Martiño Noriega, puxo especial énfase na necesidade de reformular o modelo turístico da cidade, co gallo de converter a cidade histórica nun lugar no que poidan convivir tanto turistas coma persoas que habiten o lugar.
Adaptar o casco histórico ás “necesidades da sociedade contemporánea”
Após o acto de presentación celebrado na Sala Mozart do Auditorio, as persoas presentes dividíronse en grupos para asistir a diferentes coloquios acerca de temáticas coma o metabolismo urbano, o turismo ou as actividades culturais e creativas.