Home Programas Espazo Aberto Recollen 1.500 sinaturas en 10 días contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes

Recollen 1.500 sinaturas en 10 días contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes

0
Recollen 1.500 sinaturas en 10 días contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes
Eólicos (IC)

A Coordinadora contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes conseguiu reunir en 10 días 1.500 sinaturas, un dato que amosa o malestar social que hai nunha zona declarada de especial interese agrario pola Xunta no 2007. Segundo sinalan nun comunicado a creación destes parques eólicos “farían perigar 1.000 empregos directos e indirectos e 500 explotacións agropecuarias, ademais de ameazar o Camiño de Santiago, así como zonas de gran valor patrimonial”.

A intención desta iniciativa veciñal é que a Xunta repense a situación e non aprobe en datas próximas a declaración de especial interese dos parques eólicos de Monte Inxerio (que afectaría ao concello de Ordes e Cerceda) e Gasalla (que afectaría aos concellos de Mesía e Frades).

Apoio de entidades e partidos políticos

A semana pasada unha ducia de asociacións veciñais e colectivos sociais e culturais e deportivos da comarca remitíronlle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escritos reclamándolle que non leven adiante a tramitación destes proxectos por ser contrarios ao interese xeral.

Proxecto de parques eólicos na comarca de Ordes (IC)

Tamén a Asociación de Comerciantes de Ordes, e responsables de destacados proxectos empresariais na comarca como é a granxa de Casa Grande de Xanceda ou Finca Arosa, entre outros amosaron o seu malestar pola posibilidade de que se constrúan estes parques eólicos na zona.

Os párrocos de Mesía, Visantoña e Filgueira; as asociacións ecoloxistas Verdegaia, Adega, o Sindicato Labrego Galego; e os deputados no Parlamento Galego Antón Sánchez (En Marea) e Xosé Luis Rivas Cruz (BNG) e a eurodeputada Lídia Senra (GUE/NGL) deron o seu apoio a esta iniciativa.

Denuncia na UE

A eurodeputada galega Lídia Senra ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) que a instalación destes parques eólicos na comarca de Ordes sería contrario ao interese xeral da zona.

Senra pregunta nun escrito á CE se está ao tanto da situación destes proxectos, se coñece a situación de tramitación na que se atopan e se sabe dos riscos para a zona, tendo en conta que moitos dos terreos afectados están na categoría de solo rústico de especial protección, constituído por terreos que xa foron obxecto de concentración ou reestructuración parcelaria.

A Comisión Europea analizará agora a situación e debería dar unha reposta sobre a súa percepción nun prazo de entre 4 e 6 semanas.