A receita do PP para a cidade: máis orde e menos asemblearismo

O PP critica a “mediocridade” do goberno local

O Partido Popular comeza o ano 2018 como acabou o anterior: criticando a “desastrosa” xestión de Compostela Aberta, en palabras do seu voceiro municipal, Agustín Hernández. A formación conservadora considera que o grupo de goberno “non estivo á altura da cidadanía”, xa que baseou a súa actuación, segundo Hernández, na “mediocridade” e o “conformismo”, no canto de perseguir a “excelencia” institucional. Asegurou, así e todo, que a candidatura de unidade popular adoptou posturas propias da “vella política”.

- Publicidade -

Unha das cuestións que máis preocupa ó PP é a demora na presentación do “Plan Estratéxico de Turismo”, que permanecerá vixente até o 2022. Hernández subliña a importancia presentar este acordo en concordancia cos grupos da oposición, xa que dentro dun ano e medio “pode saír un novo goberno das urnas”. Porén, o concelleiro popular centrou a súa crítica no baixo nivel de cumprimento duns orzamentos que denomina “de cartón pedra”.

A formación conservadora encara o ano preelectoral co obxectivo de “tomar contacto coa cidadanía” e presentar un modelo de cidade “ilusionante”, baseado na “orde” e a “planificación” e que fuxa “do asemblearismo”.

https://nostelevision.gal/agustin-hernandez-esta-desorientado-espazo-tempo/

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego