Reabre o paridoiro de Verín tras a suba de protestas pola falta estrutural de pediatras

Un dos pediatras que se traslada a Verín vén de Cee, onde o servizo sanitario a crianzas se atopa saturado

O paridoiro do hospital de Verín reabrirá este luns par continuar coa actividade que cesou a comezos de decembro do ano pasado, cando o Goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu pechalo en base a “seguridade das nais” e “criterios médicos”. Tras as continuas protestas veciñais, do movemento feminista e críticas dende os partidos políticos da oposición, o goberno modificou a súa posición o 18 de xaneiro. Ese día a xerente do hospital confirmou oficialmente que se atoparon dous pediatras para cubrir as prazas en Verín e, polo tanto, favorecer a reapertura do paridoiro.

Un dos pediatras que a partir deste luns traballará en Verín vén do servizo de pediatría de Cee. A veciñanza da Costa da Morte saiu á rúa a protestar pola saturación do servizo de pediatría na comarca. A falta estrutural de pediatras no sistema sanitario galego comeza a evidenciarse e a mobilizar á poboación. Dende os sindicatos, organizacións de profesionais e asociacións sanitarias e de pacientes denuncian que non se están cubrindo as baixas e que faltan especialistas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego