Raxoi rexistra un aumento da taxa de criminalidade

O Goberno local lamenta que Facenda impida a contratación de máis efectivos para a Policía Local e a Nacional

Os datos ofrecidos polo Goberno central reflicten un aumento da cifra de actividades delitivas rexistradas durante o ano 2017 en Compostela. A capital galega convértese, xunto á Coruña, na segunda cidade máis “perigosa” de Galicia por detrás de Vilagarcía de Arousa, malia que a taxa media segue a ser inferior á do conxunto do Estado. O concelleiro secretario da Xunta de Goberno local, Xan Duro, amosou a “preocupación” de Raxoi ante esta situación, apondo o maior número de roubos en vivendas á aparición na cidade de “tres novas bandas criminais”.

- Publicidade -

Críticas á “Lei Montoro”

Precisamos máis axentes policiais

O concelleiro de Compostela Aberta teno claro: a mellor solución para facer fronte a este incremento da taxa de criminalidade é aumentar o número de efectivos na Policía Local. A denominada popularmente como “Lei Montoro” permite a Facenda exercer un forte control sobre os gastos das Administracións locais e, entre outras medidas, impide que o Concello de Santiago dispoña de máis axentes policiais. Deste xeito, segundo informou o concelleiro, o Goberno municipal vése obrigado a gastar “inxentes cantidades” nas horas extra que a plantilla actual debe realizar.

Por outra banda, Duro deu conta dun “leve incremento” da porcentaxe de agresións sexuais, un asunto que “preocupa moito” ao equipo de Martiño Noriega. Nas vindeiras datas convocarase a Xunta Local de Seguridade para abordar estas cuestións vencelladas ao incremento da taxa de criminalidade no Concello.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego