
Sabemos se o aire que respiramos está contaminado? Este interrogante é o que levou a crearse o proxecto europeo TRAFAIR no que participa o concello de Santiago e que permitirá ter máis información dun tema tan importante para a saúde. A iniciativa presentouna en rolda de prensa Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente de Santiago.
“A contaminación do aire provoca 400.000 mortes cada ano, e é a primeira causa ambiental de morte prematura en Europa”, sinalou o edil, “e unha das principais fontes desa contaminación é o tráfico e, malia a iso, os municipios carecen dunha ferramenta integral e rápida para estimar o nivel de contaminación e implementar as necesarias estratexias de control en base a esa información”.
Esta ferramenta é a que entrará en funcionamento con este proxecto a través de dez dispositivos que se instalarán en varios puntos da cidade. As localizacións previstas serían praza de Galicia, praza Roxa, Virxe da Cerca e a praza de Vigo, puntos “negros” con moito tráfico e edificacións elevadas que fan de “tapón” para a contaminación.
O proxecto ten unha duración de 24 meses, ata finais de outubro de . A iniciativa, liderada pola universidade italiana de Módena, suporá un investimento total de 2,2 millóns de euros. Desa cifra, a Compostela vanlle corresponder 170.000 euros.
Inicialmente recompilaranse os datos dispoñibles sobre a entrada do tráfico e a dispersión de contaminantes atmosféricos, para despois deseñar e organizar a rede de sensores locais de calidade do aire. Ao remate crearíase unha aplicación móbil para concienciar á poboación deste tema.