Home Programas Área Compostela Raxoi avaliará a posibilidade de remunicipalizar o servizo da auga

Raxoi avaliará a posibilidade de remunicipalizar o servizo da auga

0
Raxoi avaliará a posibilidade de remunicipalizar o servizo da auga

O grupo de goberno vén de crear unha Comisión Técnica para avaliar o modelo de xestión do servizo de abastecemento de auga en Compostela. O contrato actual expira en maio de 2019, polo que Raxoi explora diferentes vías que, segundo anunciou o alcalde, Martiño Noriega, poderían desembocar nunha “remunicipalización” do servizo.

O Goberno inicia a avaliación do servizo da auga

Un primeiro paso

Porén, Noriega quixo deixar claro que a posibilidade de recuperar o servizo é unha opción “complicada” e, en especial, no marco lexislativo actual. O alcalde da cidade quixo evidenciar que o Goberno quere actuar con rigor e analizar a situación real do servizo.

O primeiro paso para logralo foi constituír a devandita comisión de estudo, que estará dirixida por Ignacio Cerrada, director da Área de Espazos Cidadáns, e na que participará tanto o persoal técnico do Concello coma o goberno, por mediación do concelleiro Xan Duro e a concelleira María Rozas.

Recuperar o servizo en Teo supuxo reducir o déficit do servizo en máis de 200.000 euros

Cidades pola Auga pública

En 2016, Noriega participara no encontro “Cidades pola Auga Pública” celebrado en Madrid xunto a outros alcaldes e alcaldesas de concellos como Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza ou A Coruña. Neste encontro o alcalde xa se amosara partidario da remunicipalización deste servizo “fronte ao negocio privado”. O alcalde de Santiago, ademais, xa ten a experiencia de remunicipalizar este servizo en Teo, proceso que se demorou anos e que, finalmente, supuxo un aforro de 200 mil euros para este Concello.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno acordou prorrogar o contrato do servizo de mantemento e reforma de edificios públicos por valor de 630.000 euros, dos cales máis da metade destinarase a centros educativos. Así e todo, Noriega deu conta da aprobación do proxecto de ampliación e mellora do viario de acceso a Lamascal, cunha contía de 148.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

Por outra banda, o goberno de Compostela Aberta deu luz verde á ampliación dunha hora nos horarios de peche dos locais da cidade durante as festas do Entroido e a Semana Santa.