Coa experiencia dos seus 64 anos de vida e máis de 20 como corresponsal de guerra, o xornalista Ramón Lobo sitúase como un referente no xornalismo español. Deixou a pel narrando conflictos como o de Bosnia, Kosovo, Ruanda ou Serra Leoa que recolle na súa obra ‘El día que murió Kapuscinki’. Unha das súas constantes reflexións sobre as mudanzas no xornalismo xira arredor das chamadas fake news sobre as que falou no ciclo Os luns do Ateneo.
Nunha conversa con Nós Televisión, o experto en xornalismo internacional define as fake news e destaca como inflúen no día a día de todas as persoas.
Os medios de comunicación nútrense de información que non provén das súas xornalistas senón de grandes axencias de comunicación ou de fontes parciais. Esta práctica, cada vez máis cotiá, está estreitamente vinculada coas fakes news segundo explica Ramón Lobo que indica o camiño para combatelas.
A credibilidade das xornalistas, e por tanto dos medios de comunicación, foi minguando mentres a desconfianza se instalou na sociedade. As mudanzas económicas, políticas e sociais teñen un dos seus eixos centrais no uso da información.
Ramón Lobo
Ramón Lobo é un xornalista licenciado pola Universidade Complutense de Madrid. Dende 1975 traballou en diversos medios, entre os que destacan a axencia Pyresa, La Voz de América ou Expansión. En 1992 entraría a traballar na sección internacional de El País converténdose no 2012 nunha das caras máis visibles do ERE que aplicaría a dirección do xornal e que implicou o despedimento de 129 xornalistas. Dende aquela, Lobo colabora en varios medios de comunicación como eldiario.es, El Periódico de Catalunya, a Cadena SER, InfoLibre ou Jotdown. Tamén escribe no blogue ‘En la boca del lobo‘. No 2001 recibiu o XVIII premio de xornalismo Cirilo Rodríguez.