O candidato socialista á alcaldía de Ourense explica nesta entrevista a Nós Televisión as principais actuacións que levaría a cabo se resulta elixido. Ademais valora negativamente estes anos de goberno popular e deixa aberta a porta a pactos con outras forzas de esquerda da cidade.

Fáganos un balance de valoración estes pasados catro anos no concello de Ourense.

Foron catro anos de abandono, nos que as infraestruturas e os servizos públicos experimentaron un retroceso descoñecido na historia da democracia da cidade. O declive na suciedade das rúas causou un descenso de 7 postos de Ourense no índice de limpeza das cidades de España, situándoa no umbral das máis sucias do estado segundo o último estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

De xeito semellante, o deterioro de parques, rúas e zonas verdes chegou a niveis descoñecidos na historia da capital, servindo como proba o número de denuncias efectuadas por mor de expedientes de reclamación patrimonial causados por caídas nas rúas, que se situaron en torno aos 120 no ano pasado e 19 no que levamos da anualidade actual; se temos en conta que tales denuncias só representan unha ínfima parte das totais, darémonos conta da magnitude do dano infrinxido á cidadanía por esta causa.

Ourense ten 600 expedientes de dependentes sen atender

A alarma aínda é superior se diriximos a atención cara aos casos das persoas que reciben atención dos servizos sociais: a falta de persoal no servizo de tramitación de notificacións electrónicas do rexistro municipal (só hai unha persoa en troques das 4-5 que se precisarían), orixina que na actualidade existan máis de 600 expedientes sen atender, dos que 500 corresponden ás áreas de servizos sociais (p. ex., axudas para alimentación), co prexuízo que ocasionan nas persoas socialmente máis desfavorecidas.

Adicionalmente, existe unha vergoñenta lista de garda que acumula máis de 200 persoas que teñen recoñecida a súa situación de dependencia (grao 3) e, sen embargo, non están a recibir atención municipal. Un despropósito, unha indignidade, unha irresponsabilidade máis. Esta imaxe degradada e a falla de persoal foron obxecto de escritos dirixidos polas traballadoras sociais municipais nos que se clamou por contratacións urxentes de persoal que paliara a situación límite que se está a vivir nos servizos sociais obtendo, desafortunadamente, o eco por resposta.

Catro anos sen orzamentos (…) cun alcalde incapaz de atender e defender á cidadanía ourensá.

Catro anos, todo un mandato sen orzamentos, sen proxecto de cidade, cun alcalde incapaz de atender e defender á cidadanía ourensá, mentres trate de eximirse da súa responsabilidade como rexedor público mentres atribúe, con descaro, a causa da súa incapacidade á oposición. Catro anos sen relación de postos de traballo.

Catro anos de degradación dos corpos de policía local e bombeiros, de degradación da unidade de día da Unidade de Condutas Aditivas, de aniquilación das axudas sociais, da vida cultural, así como de paralización da maquinaria de tramitación municipal… Catro anos sen Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), lixado, a falta de dúas semanas para as eleccións, por unha aprobación provisional realizada -por primeira vez na historia municipal- de costas do pleno, coa discutible autoridade da xunta de goberno e coa covardía dun alcalde que non foi quen de asumir en solitario, a responsabilidade de tal decisión.

E todo isto acontece con máis de 80 millóns de euros na caixa municipal, reflectindo a incompetencia de quen xa é calificado como o peor alcalde de Galicia, así como o peor da historia da democracia municipal da nosa terra. Unha persoa sen valía, carácter nin responsabilidade.

Cales son as principais propostas urxentes da súa candidatura para o municipio?

O máis urxente é emprender un plan de rescate municipal que axude a restablecer o esplendor de Ourense e o funcionamento do consistorio. O primeiro, consiste en aplicar os recursos precisos para reparar rúas, prazas e demais infraestruturas públicas, así como para realizar as labores de limpeza e roza indispensables para retornos o brilo que perdeu a cidade nos últimos catro anos.

Imponse unha optimización da maquinaria de tramitación municipal, na que se avalíen as causas das demoras de meses e anos respecto a licencias

Simultaneamente, imponse unha optimización da maquinaria de tramitación municipal, na que se avalíen as causas das demoras de meses e anos respecto a licencias e, sobre todo, no que atinxe ás prestacións sociais; solventar estes déficit resulta esencial para recuperar a confianza nunha administración pública que non responde en tempo e forma as demandas da veciñanza (e moitas veces nin sequera resposta). A creación dunha empresa pública contribuirá a superar estas eivas.

E a proposta principal de cara ao futuro de Ourense?

Limitar a unha proposta a solución dos problemas de Ourense sería inapropiado. O programa do PSdeG-PSOE de Ourense inclúe un decálogo de medidas estrela, e un amplo relatorio de medidas xenéricas e por barrios, tal e como corresponde a unha formación política que coñece a fondo o termo municipal de Ourense.Non obstante, poden subliñarse algunhas accións de relevancia estratéxica pola magnitude de desenvolvemento ao que dan lugar.

Unha delas é a creación dunha vía de circunvalación completa -á que denominamos como OU-30-, que satisfai as vellas demandas do empresariado en relación ao abastecemento e transporte dos polígonos industriais, mentres tamén libera de tráfico a un entro urbano ateigado de vehículos, contaminación acústica e fumes tóxicos. Ourense é a única capital de provincia do estado que carece de tal infraestrutura, e é tempo de mudar este atavismo xa.

Creación dunha vía de circunvalación completa -á que denominamos como OU-30-, que satisfai as vellas demandas do empresariado

De xeito semellante, é preciso establecer un consorcio estatal de termalismo que desenvolva, mediante os recursos que realmente se precisan, unha das nosas maiores riquezas no eido terapéutico e lúdico.

O acondicionamento da área das Burgas, a antiga carece e matadoiro, o bulevar termal, etc. será posible se o estado contribúe a elo con recursos que discriminen, de xeito positivo, a cidade de Ourense.

No ADN do carácter ourensán está o gusto polo vestir, sendo a identificación de Ourense como Capital da Moda unha tarefa que se entronca na nosa cultura e no saber facer de deseñadores como Roberto Verino, Adolfo Domínguez ou Purificación García, por citar os máis coñecidos. Crear o Grao en Moda e Deseño contribuirá a afianzar esta imaxe de marca, que se verá fortalecida mediante o Museo do Moda nun lugar emblemático: a antiga estación de ferrocarril de San Francisco.

Preferimos os acordos, a pesares de que xeren descontento entre as partes, fronte as posicións inamovibles

Xustamente, o aproveitamento da citada estación forma parte dunha acción estratéxica adicional que mudará o aspecto da cidade coa creación dun corredor verde e chan de arredor de 10 quilómetros entre o centro da cidade e o polígono industrial de San Cibrao que nace a partires do uso dunha vía férrea que será re-emprazada pola variante exterior da AVE nos próximos meses.A creación do Parque dos Ríos de Ourense é, finalmente, outra intervención estratéxica, que pon en valor a riqueza medioambiental e paisaxística da cidade, logo de décadas de esquecemento e ignorancia da súa relevancia social e turística.

Estas son só algunhas das medidas propostas no programa do socialismo de Ourense, todas elas orixinais e de relevancia estratéxica para a capital da nosa provincia.Por último, e para rematar, todas as enquisa dan unha corporación moi fracturada.

Cal sería a súa proposta, caso de ser a forza máis votada, para “convencer” e conseguir o apoio doutras formacións?

O mencionado programa político acompáñase, tamén, dunha visión progresista, ecoloxista, igualitaria, feminista e orientada cara o ben común e a prestación de servizos públicos de calidade, que se orienta cara a remunicipalización e a boa xestión pública. Quen se guíe por estas coordenadas, así como pola primacía do diálogo sobre as imposicións partidistas, terá moito avanzado para lograr acordos frutuosos coa nosa formación política.

A capacidade de negociación, entendida como disposición para transaccionar e modificar propostas, así como o imperio da prestación de servizos á cidadanía sobre as posicións estritamente programáticas, son eixos fundamentais para entablar o diálogo con nós. Preferimos os acordos, a pesares de que xeren descontento entre as partes, fronte as posicións inamovibles e os vetos que paralizan e danan á veciñanza.

- Publicidade -