A consulta organizada por En Marea en relación á actuación da deputada Paula Quinteiro semella ter máis consecuencias das que agardaba a dirección desta formación política. Membros destacados da organización déronse de baixa, é o caso de Borja San Ramón, militante de Podemos, membro de Ferrol en Común e do Consello da Marea, e tamén a do alcalde de Teo, Rafa Sisto. Nas redes sociais este último explicaba a súa decisión e deixaba caer a idea de que estaba a traballar nun proxecto novo.
Nós Televisión achegouse ata Teo para manter unha conversa con el na que asegura sentirse “decepcionado” por un proxecto que se está a convertir “nun partido como os de sempre”. Sinala que a consulta sobre o futuro de Quinteiro foi “a pinga que rebordou o vaso” e mesmo apuntou que había que cambiar a dirección de En Marea “si ou si”.
— Rafa Sisto (@rafasisto) May 23, 2018
A un ano das eleccións
Certo é que falta un ano para as vindeiras eleccións municipais. Preguntado polo rebumbio mediático que se está a montar con esta situación o alcalde de Teo, Rafa Sisto quitoulle ferro ao asunto. “En Marea non existía cando houbo as anteriores, non é extrapolable”.
En relación ao seu futuro Rafa Sisto deixa claro na entrevista de Nós Televisión que pensa continuar en primeira liña. “Non me vou para casa” e foi máis alá puntualizando que esta decisión de deixar En Marea non é “un abandono desilusionante”.
[ps2id id=’1′ target=”/]
Noriega mantense á marxe da consulta de Quinteiro
Unha das reaccións máis buscadas hoxe foi a do ex-alcalde de Teo e actual alcalde de Compostela Martiño Noriega, amigo persoal de Rafa Sisto. Na rolda de prensa posterior á xunta de goberno de Santiago, Noriega non quixo afondar no que denominou “unha decisión persoal” aínda que sí asegurou “que respectaba”.
A respecto desta cuestión, o líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, prefire non participar en “debates de consumo interno” que “non conectan” co electorado de En Marea. Preguntado acerca de se valora seguir os pasos de Rafael Sisto e abandonar o partido, contestou que respecta a decisión do alcalde de Teo, mais non fará o mesmo.
Gobernamos para a capital do país e non é algo menor
“Estamos gobernando a capital do país, que non é algo menor, e temos a posibilidade de seguir gobernando en 2019, polo que só me centro nisto”, asegura Noriega, que prefire centrarse na “política municipal” no seu “día a día”.