Home Programas Espazo Aberto Afectadas pola reapertura da mina de Touro ante Europa: “A nosa administración ten claro a quen serve”

Afectadas pola reapertura da mina de Touro ante Europa: “A nosa administración ten claro a quen serve”

0
Afectadas pola reapertura da mina de Touro ante Europa: “A nosa administración ten claro a quen serve”

O impacto ambiental e social da megamineiría en Galicia entrou este martes na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a través da Plataforma veciñal contra a mina de Touro e as asociacións ecoloxistas Cova Crea e Petón do Lobo.

A xornada da delegación de representantes das asociacións contrarias á mina de Touro arrancou cunha reunión con Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións, e con representantes dos distintos grupos políticos con representación na Eurocámara, que escoitaron as reivindicacións do colectivo e mostraron a súa preocupación pola situación actual da minería en Galicia.

Pola tarde tocaba a quenda para a defensa das tres peticións nas que cada representante dispuxo de 5 minutos ademais do debate posterior levou a cabo de forma conxunta, unificando as peticións coma se fose unha, dada a conexión entre as tres.

O primeiro peticionario en intervir foi Luís Gallardo, veciño de Touro, quen solicitaba á Comisión de Peticións “que tome en serio a falta sistemática de cumprimento da lexislación da Unión Europea nas operacións mineiras galegas, e antes de que sexa demasiado tarde”. O foco sobre a afección da mina de Touro á calidade das augas poñíao a segunda peticionaria, María del Pilar Sampedro, mariscadora da Ría de Arousa, quen destacou o papel da frota pesqueira na economía galega e como a actividade mineira descontrolada en Galicia mata lentamente “o noso modo de vida, o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas. Se a actividade mineira se reactiva o ritmo avanzará e as consecuencias non tardarán en producirse: peche de zonas de produción, desemprego e emigración”. Sobre o papel da Xunta, Pilar tamén lembraba que “a nosa administración ten claro a quen se debe e a quen serve, e non é nin aos sectores produtivos do mar e do campo nin ao cumprimento das normas da Unión Europea.”

Por último, Iria Méndez, unha moza veciña de Arinteiro, a “zona cero” da mina de Touro, expuxo a situación na que o novo proxecto de extracción de cobre promovido por Cobre San Rafael, deixaría tanto á súa familia como a todos os seus veciños: “Queren resucitar unha mina que implicaría construír a 200 metros da miña casa, si, a 200 metros… unha balsa de residuos mineiros de 90 metros de alto e 3 quilómetros de lonxitude, con maior capacidade que a que fallou en Brumadinho, en Brasil, matando por centos de persoas. […] No proxecto nós somos apenas o factor ‘perda de máis de 50 vidas humanas’ baixo o epígrafe que indica que o risco de rotura da presa é ‘extremo’. Morreremos…”.

Europa avaliará visitar a mina de Touro

Os tres relatores coincidían na necesidade de que a Comisión de Peticións manteña abertas as peticións e que, ademais, inicien unha misión de investigación na que poidan ver por si mesmos a situación en Touro, así como noutras zonas mineiras de Galicia como son San Finx, Monte Neme ou Santa Comba.

Excepto o representante do Grupo do Partido Popular Europeo, Francisco Millán Mon, os demais membros da Comisión de Peticións mantiveron unha postura favorable a que as peticións permanezan abertas á espera de nova información por parte da Xunta de Galicia. Magrete Auken, do Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, apelando ao principio de precaución, solicitou ademais trasladar a petición tamén á Comisión de Pesca e á Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, dado o grave impacto que a minería en Galicia supón para estes sectores produtivos estratéxicos na nosa economía. Finalmente, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, concluía coa resolución de proposta da Comisión de manter abertas as peticións e remitindo a decisión sobre a petición de visita a Galicia á reunión de coordinación, quen ten a competencia.