O estudantado das tres universidades galegas colle a iniciativa para preguntar se queremos ou non unha monarquía. Así, o estudantado da Universidade de Santiago sumouse ao de Vigo e da Coruña nun movemento que xa iniciaron hai días centros de Madrid, Barcelona ou Zaragoza.
Cuestionar o papel da monarquía española
“Contactamos polas redes sociais e vimos outras iniciativas, pensamos que sería interesante poñelo en práctica aquí”, sinala Esteban Ferrer, estudante e membro do grupo promotor da Asemblea da USC.
Nas tres Universidades
Ourense acolleu a primeira das asembleas no serán deste pasado luns. Ademais, este martes terán a primeira xuntanza aberta en Compostela e terá lugar ás 20 horas na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia. Ali agardan decidir as preguntas do referendo no que, segundo relata Esteban, “tamén trataremos do modelo de organización política do noso país”. Pola súa banda, o campus de Vigo acollerá tamén este martes unha asemblea aberta coa mesma idea e terá lugar ás 12:00h no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. En cambio, na Coruña, esta asemblea terá lugar o xoves 29 de novembro ás 15:00h en Socioloxía.