O portavoz municipal do PP de Santiago, Agustín Hernández, non está satisfeito coa política medioambiental que está a facer o goberno municipal da cidade. En rolda de prensa no Pazo de Raxoi criticou o que considera como “unha mala situación” dos vertedoiros incontrolados do municipio. Na mañá de onte, o voceiro do grupo popular lembrou a petición realizada polo seu grupo en Pleno.
Agustín Hernández criticou tamén a falta de vixilancia por parte da Policia Local dos vertedoiros máis coñecidos e indicou non ter constancia de que o Goberno municipal fixera ningunha xestión diante do servizo de Seprona da Garda Civil. O voceiro do PP recoñeceu que si se instalaron paneis informativos en varios dos lugares empregados para deixar lixo sen control.
Na súa intervención o portavoz do PP insistiu en que é imprescindible rematar con vertedoiros como o de Arins e o do Son de Arriba de xeito definitivo. Agustín Hernández, por último, tamén criticou o buscador online activado polo concello.