A mediados de xullo celebrábase O Son do Camiño, ao que acudiron máis de 30.000 persoas e subvencionado pola Xunta con 2,5 millóns de euros. Malia o seu éxito, tras o festival transcenderon queixas das traballadoras: horas extras non pagadas, traballo en funcións non asignadas ou mesmo impagos.
Estes días un grupo de traballadores e traballadoras de hostelería puxéronse en contacto ao reparar que varias delas non tiñan cobrado o acordado. Un dos traballadores -que prefire non dicir o seu nome- cobrou só un tercio do establecido e explica que pensan organizarse para tomar medidas de xeito conxunto: “Estamos buscando a máis persoas que non cobraran, pero é difícil porque non nos coñecemos. Gustaríanos ser unhas 20 persoas, aínda que seguro que hai moitas máis afectadas, para facer unha denuncia colectiva.” No festival traballaron como camareiros e camareiras unhas 300.
Este mesmo traballador conta que ao chamar á UTE (Esmerarte & Old Navy), a empresa botáballe a culpa a Trosma, empresa subcontrata de produción de eventos encargada da xestión do persoal nesta edición do festival. Explica tamén que sempre lles deron largas e a outros compañeiros nin sequera chegaron a contestarlles para solucionar os impagos: “A min contestáronme e dixéronme que estaban niso, pasaron semanas sen contestar, volveron a dicirme o mesmo e despois non volvín ter máis novas.” Outro traballador, nunha situación similar, engade que a varios deles tampouco lles deron as nóminas.
Este grupo de traballadores e traballadoras está na procura de máis persoas afectadas e estudan poñer unha denuncia colectiva á empresa responsable.