“Maternar é político”. Con esta premisa por diante, o colectivo Maternidades Feministas en Compostela, Materfem, presentou este mércores na librería Lila de Lillith o Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan ás mulleres na maternidade e ás súas crianzas marcándose como o obxectivo a realización dun informe para o 8 de marzo de 2020. Para tal fin, as activistas deseñaron un cuestionario no que se recollen situacións cotiás que enfrontan as nais e as súas crianzas como por exemplo a violencia obstétrica, as barreiras para acceder a lugares públicos, as dificultades para cobrar as pensións de manutención por crianza, os permisos de maternidade insuficientes, Puntos de Encontro Familiar que vulneran os dereitos de nais e crianzas ou a discriminación laboral.
Como é o cuestionario?
A enquisa cúbrese de xeito anónimo e está composta por dez seccións que recollen experiencias de violencia institucional, psicolóxica, estrutural, económica, obstétrica e xinecolóxica, sexual e cultural, ademais de estratexias e propostas de solución. Dende Materfem agardan chegar, canto menos, a medio milleiro de mulleres da comarca de Compostela e ter os primeiros resultados procesados para o 8 de marzo de 2020.
Para que servirá o cuestionario?
Entre os obxetivos figuran a visibilización das violencias contra as mulleres na maternidade e as crianzas xunto coa necesidade de impulsar iniciativas que melloren as situacións discriminatorias e de violencias machistas.
Podes acceder ao cuestionario premendo aquí.
Que é Materfem?
Trátase dun colectivo compostelán que dende 2018 reflexiona e actúa sobre a maternidade dende unha perspectiva feminista co obxectivo de promover o debate social sobre o lugar que ocupan a maternidade e os coidados na sociedade patriarcal, individualista e capitalista na que vivimos.