Home Programas Espazo Aberto “Que non regulen, que as boten dos nosos barrios”

“Que non regulen, que as boten dos nosos barrios”

0
“Que non regulen, que as boten dos nosos barrios”

O domingo 6 convocábase unha manifestación “contra a impunidade das casas de apostas”. Un grupo de xente nova, pero aberta a todas as persoas que queiran asistir, organizou en Compostela un movemento que se une deste xeito aos grupos contra as casas de apostas na Coruña, Redondela, Boiro ou Vigo.

No seu manifesto falan dun “crecemento exponencial das casas de aposta e dos casos de ludopatía”, incidindo en que en torno a un tercio son persoas menores de idade.

Sobre a Lei do Xogo que prepara a Xunta, abogan por ir máis alá da regulación: para Alexandra Darriba, “é un parche, todo o demais segue aí; a xente vai seguir consumindo”. Sebastián Vidal teno claro: “esiximos aos gobernos que non regulen, hai que botalos dos nosos barrios.” Fan fincapé tamén en que as casas de apostas van moito máis alá das leis, aproveitando un “márketing invasivo” en diferentes soportes: estadios de fútbol, equipos deportivos, empregando a “modelos a seguir” do mundo do espectáculo e do deporte, etc. Lembran que cada vez é máis sinxelo apostar e que é moi complicado regulalo todo: “Mesmo se pode apostar desde Twitter, cun poucos ‘clicks’.”

No manifesto, recollen tamén que se “nos incita a caer nesta adicción, logrando alienarnos e afastarnos da nosa capaciedade crítica”. Contra toda esta “maquinaria” posta en marcha polo sistema, amósanse moi escépticos co Observatorio que propón a Xunta para controlar o acceso dos menores: “non vale de nada”. Alexandra Darriba critica que na Comisión do Xogo da Xunta participe a patronal do sector: “A xente que pertence ao negocio vai buscar ganancia, non unha solución para as persoas.”

No relativo ás apostas online, consideran que o decreto de 2011 está desfasado e que non se actualizou a regulación ante o aumento dos usuarios rexistrados, o triplo en 2018 que en 2013.

Denuncian tamén “o auxe desta lacra, coa complicidade dos distintos medios de comunicación e empresas de comunicación que hai detrás dos mesmos.” Ante isto, presentan propostas: unha recuperación dun modelo de ocio “non baseado non consumo”, a creación de espacios de socialización saudables como Casas de Xuventude, instalacións deportivas ou espazos de aprendizaxe cultural.

Asambleas abertas

En torno a unhas vinte persoas de todas as idades acoden regularmente ás asambleas organizadas en Compostela. A próxima, o xoves 10 ás 20h en Compostela. Animan a participar a todas as persoas interesadas ou afectadas na problemática de algo que é moito máis que un “xogo”.