O grupo municipal socialista incide na necesidade de aprobar cando antes o proxecto de construción da nova EDAR de Santiago. A situación, aseguran dende a formación vermella, non admite mais demora, e as explicacións do alcalde, Martiño Noriega, “non xustifican” este atraso. Este xoves, o voceiro do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, reuniuse co líder municipal, Paco Reyes, para abordar esta problemática que podería desembocar nunha sanción da Unión Europea de máis de catro millóns de euros, que pagaría o Concello, por mor da ausencia da depuradora.
O grupo de Goberno presentou no Pleno unha moción para que os grupos políticos se manifestasen ao respecto do convenio actual, mais o grupo socialista, malia compartir o rexeitamento cara a este acordo, decidiu non tomar ningunha decisión até coñecer a posición de Compostela Aberta. Así e todo, os socialistas volveron advertir que as achegas da Unión Europea para cofinanciar este proxecto expirarán no ano 2022. Segundo os prazos previstos para a posta en marcha da EDAR do Souto, o proceso duraría un mínimo de 48 meses, polo que o tempo corre en contra do Concello compostelán.