“O discurso da extrema dereita é falaz, antidemocrático, con pouca tolerancia e é un risco para o Estado de Benestar”, sostiña este luns o secretario xeral dos socialistas galegos. Gonzalo Caballero ve unha “maioría social de progreso” en Galicia tras os resultados acadados nas eleccións estatais deste 10 de novembro.
Neste contexto, o Partido Socialista de Galicia acada menos votos co Partido Popular aínda que consegue empatar a dez escanos. Tras deles, seguiríalle En Común – Unidas Podemos que acadou dúas deputadas, Antón Gómez-Reino pola provincia da Coruña e Yolanda Díaz por Pontevedra. Gómez-Reino celebra que a súa formación sexa terceira forza en Galicia pero considera unha “irresponsabilidade” que Pedro Sánchez convocase estas novas eleccións nas que o discurso fascista de Vox acadou 52 escanos no Congreso. Nesta liña, a deputada Yolanda Díaz apelou á dispersión do voto da esquerda que centrou no partido de Íñigo Errejón e Carolina Bescansa, Más País.
A celebración inundaba este luns o local nacional do Bloque Nacionalista Galego que consegue volver ao Congreso a través de Néstor Rego, deputado pola provincia da Coruña. A voceira nacional, Ana Pontón, anuncia que isto é “só o principio” e traza unha liña para combater á ultradereita. “Hai que desenmascaralos, non son unha forza política democrática”.