O cárcere da Coruña está aberto. Non é unha apertura “completa” polo estado do inmoble mais si un paso importante na historia deste edificio. E de historia e ilusión saben moito desde o Proxecto Cárcere, a plataforma que desde 2010 teimou pola transformación deste recinto nun lugar cidadán autoxestionado.
Quedan lonxe as xornadas de portas abertas de 2011 e a cesión do lugar ao concello en 2016, agora a apertura é real e logo de pasar por unha convocatoria pública será a propia plataforma quen se faga cargo del.
Mellorar o seu estado
Inés Cruz é unha das “habitantes” do Proxecto Cárcere. Non leva moito tempo mais sabe de como xurdiu. Cóntanos que estes días recuperaron algunha da documentación dos inicios da loita pola transformación deste lugar. “A idea era recuperar o cárcere para espazo de uso cidadán autoxestionado por parte de grupos de persoas e colectivos” e darlle “uns usos novos”.
Moito choveu desde que se comezou. Agora, explica Inés, participan neste proxecto uns cinco colectivos estables e asisten ás asembleas unha media de quince persoas a título individual. Postos ao traballo e xa cos pés na terra salienta que o máis importante agora que se abriu o lugar é a conservación do edificio. “O seu estado actual non é bo”, admite, “cedéronos 200 metros na entrada e nesta zona descubrimos estes días que temos vías de auga”.
Para realizar as actividades contan con pouco espazo, a súa capacidade é para 25 persoas, e o resto do cárcere está por arranxar. “As nosas demandas ao concello teñen que ver con este tema”, afirma, “dixéronos que en setembro arranxarían as cobertas e agora din que non se fará ata o ano vindeiro”.
O tirón da memoria histórica
O cárcere da Coruña segue a ser un edificio con historia para a cidade. Inés conta que non pasa un día sen que alguén se achegue a visitalos e aproveite a contar a súa experiencia con este lugar. As persoas máis maiores lembran que foi testemuña de anos de represión política e as algo máis novas falan da etapa en que a droga desfixo moitas vidas con futuro. “Por este motivo pensamos en facer visitas guiadas e recoller esa memoria do cárcere”, indica, “agora mesmo é un boom”.
Na plataforma teñen moi en conta este tema e entre as actividades que pensan realizar está a presentación de libros e roldas de prensa sobre memoria histórica. Mais tamén xa teñen outras propostas como a “dun grupo de teatro e outro de música para empregar o espazo para ensaiar, ou a de facer meditación”.
En todo caso comezarán a facerse visibles as actividades a finais de agosto ou principios de setembro. “Agora estamos co tema da licenza para realizar actividades e con labores de limpeza”.