A provincia de Pontevedra camiña cara cifras de record no turismo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou e rolda de prensa os datos de ocupación de hoteis e establecementos rurais das Rías Baixas durante o pasado mes de agosto. Na comparecencia Silva, que cualificou os resultados de “históricos”, ao ser os mellores dende que existen rexistros, amosou a súa satisfacción “porque os datos poñen de manifesto que o sector turístico da provincia de Pontevedra ten unha alta capacidade e que xa somos a cuarta zona turística con maior auxe en España”.
Pontevedra é a cuarta zona turística con maior auxe no Estado
Estes datos superan as previsións que se tiñan a comezos da tempada. “Superamos as nosas previsións con creces xa que en xullo tivemos unha ocupación do 84%, 7 puntos por riba do previsto, e en agosto os datos foron aínda mellores”, asegurou a presidenta da Deputación.
Afondando nas cifras Silva explicou que “tendo como referencia os datos do INE, que se recollen dende 1999, este é o mellor mes de agosto en Rías Baixas dos últimos 18 anos, por riba de agosto de 2016 e agosto de 1999, cando a ocupación se situou no 74,9%”.
“Superamos as nosas previsións […]. Son datos históricos”
Os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de agosto pechou cunha ocupación hostaleira media provincial do 91,11%, “é dicir, case 12 puntos por riba do previsto e 2 puntos por riba dos resultados obtidos no mesmo mes do 2016, cando a ocupación acadou o 89,2%”. Estes resultados, tal e como asegurou Carmela Silva, “xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe en España, con pernoctacións que medraron, no primeiro semestre do ano, un 3,7% e visitantes que tamén o fan un 9%, o que nos sitúa como a provincia galega máis atractiva xa que estamos a recibir ao 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino”.
Aumento no Deza-Tabeirós
Nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, segundo datos da Deputación de Pontevedra, estimábase unha ocupación do 68,75% e finalmente a porcentaxe ascendeu ao 83,6%, é dicir, case quince puntos por riba do previsto e acadando resultados similares a agosto do 2016.
En canto ao turismo rural a ocupación foi do 70,22% nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
Perfil do turismo
En canto ás persoas que nos visitaron, Carmela Silva destacou que aumentou tanto a chegada de visitantes como o número de pernoctacións. Así, a presidenta da Deputación indicou que “no que levamos de ano foron 520.000 persoas as que visitaron Rías Baixas que se aloxaron na nosa provincia durante 6,2 días (fronte aos 5,8 días de agosto de 2016)”.
A porcentaxe maioritaria de turistas (58%) teñen entre 35 e 60 anos e dormen en hoteis (42%) entre 7 e 15 días. E, entre as principais razóns para visitar o noso destino o pasado mes de agosto, a porcentaxe maioritaria (33%) sinala a natureza como factor motivador da viaxe.