Un grupo de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo quere denunciar desde o pasado mes de novembro o “contrato de escravitude do século XXI”.
Nun comunicado, compartido polo colectivo das Enfermeiras Eventuais en Loita, din levar anos cunhas condicións “pésimas”: “dá igual se es temporal ou fixo, dá igual se es DUE, celador, médico ou TCAE. Se non o paramos vainos afectar a tod@s”, explican. Tamén inciden en que desde o pasado mes de novembro están a reunir fondos para presentar un recurso de reposición, co mesmo avogado que leva a denuncia do corpo médico ao contrato de continuidade.
O contrato de continuidade
Eventuais en Loita e entidades coma o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo rexeitan a versión oficial desta modalidade contractual. Estas organizacións mesmo elaboraron un documento de 12 argumentos para rexeitalo.
A versión da Xunta é que o contrato aporta “estabilidade”, pois se trata de contrato de ata tres anos para as profesionais sen praza por oposición, que foi acordado con cinco sindicatos. Para as enfermeiras, aporta “precariedade” e denuncian que provoca que non se empreguen outros contratos máis estables e con maiores garantías.
Xa en setembro, as enfermeiras eventuais cualificábano como un “contrato de escravitude de longa duración”, e esixían a creación de novas prazas fixas para cubrir as necesidades estruturais do Sergas. No comunicado deste grupo de profesionais do CHUVI, explican que o 16 de outubro xa comezaron a traballar baixo esta modalidade contractual as enfermeiras que o aceptaron.