O Ciclo “Compostela Ilustrada” traerá os días 10 e 11 de novembro ao Auditorio de Galicia a primeira edición das “Xornadas de Ilustración Urbana”, un ciclo de conferencias a cargo de artistas referenciais da ilustración actual. Anunciouno en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra,compañada da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a coordinadora do ciclo, Gemma Sesar. As xornadas serán a novidade desta edición do “Compostela Ilustrada” como explicou a concelleira de Acción Cultural.
O uso da imaxe como elemento reivindicativo
Nestas xornadas o artista e calígrafo Mr. Zé realizará en directo unha obra plástica sobre o “Códice Calixtino”, mesturando caligrafía e ilustración. Goretti Sanmartín salientou a aposta desta actividade por unha maior presenza e visibilidade das mulleres artistas.
Por último Gemma Sesar animou a veciñanza interesada no debuxo a achegarse ás sesións para coñecer a súa práctica da man de ilustradoras e ilustradores de primeiro nivel.
Actividades para un público aberto
As xornadas comezarán o venres 10 de novembro ás 16 horas con seis sesións de conferencias, distribuídas nas tardes de venres e sábado. A primeira será a do mestre Munehiro Ikeda que impartirá a conferencia “Peregrino Ilustrado: O Camiño de Santiago en España”. A continuación, ás 17:45 horas, será Santiago Ríos quen fale de “Os meus debuxos en concertos”. Pecharán a xornada Isabell Seidel e Blanca Escrigas. O sábado Jorge Arranz falará de “Galicia en tren” e a partir das 17:15 horas, Joaquín González Dorao tomará a palabra con “O Camiño de Santiago debuxando”. Pechará as xornadas Lapin ás 18 horas co relatorio “Caderno da Memoria: Lost Poblenou”.